Tuesday 30 de April de 2024

188 deportistas tomarán a saída este sábado na VI Carreira popular Concello de Moeche


Varias pistas de San Ramón e dos arredores permanecerán cortadas ao tráfico entre as 18:30 e as 21:30h

Este sábado 18 de xuño a partir das 19:00h a zona de San Ramón acollerá a sétima edición da carreira popular, á que acudirán 188 corredoras e corredores de todas as idades. Os percorridos para a rapazada desenvolveranse unicamente pola zona da feira e as rúas principais do centro urbano, mentres que proba absoluta, de 6,7 quilómetros de distancia, chegará até a Casabranca polo leste e á Corveira polo oeste. En calquera caso, o Concello contará con persoal de voluntariado e de Protección Civil para colaborar na organización e tamén no dispositivo de tráfico, que obrigará a cortar a circulación entre as 18:30 e as 21:30h. Antes desa hora poderá accederse aos aparcamentos de Cristo do Rañal e do centro urbano, aínda que se recomenda deixar os coches fóra do circuíto, é dicir, na estrada da Feira e ao longo da Avenida 23 de Abril. No recinto feiral estará prohibido aparcar.

A VII Carreira Popular Concello de Moeche pechou onte á noite o prazo de inscrición rexistrando un total de 188 solicitudes, na súa maioría para a carreira absoluta.

A cita conta con probas adaptadas a todas as idades, desde os 75 m. que deberán correr os nenos e nenas máis pequenas -a categoría Pitufos- ata os 6,7 Km. da proba absoluta, na que se encadran as categorías Senior e Veteráns A e B.

A popular comezará ás 19.00h. dándolle a saída á categoría de Pitufos -30 nenas e nenos nados en 2017, 2018 ou 2019-, que só deberán percorrer dun tirón 75 metros en paralelo á Nave do Mercado, lugar no que estará situada a saída e chegada para todas as probas.

Dez minutos despois o asubío soará para Prebenxamíns femininos e masculinos -22 participantes dos anos 2015 e 2016-, neste caso sobre unha distancia de 200 metros. A da categoría Benxamín -36 cativas e cativos dos anos 2013 e 2014- arrancará ás 19:20h para cubrir medio quilómetro de distancia por parte do centro urbano.

Tralas carreiras das nenas e nenos máis pequenos, ás 19:30h daráselle a saída conxunta ás probas Alevín, Infantil e Cadetes, cun total de 39 deportistas. A categoría de menor idade (anos 2011 e 2012) completará un circuíto de 1.000 metros, o mesmo que a Infantil (2009-2010), mentres que as rapazas e rapaces cadetes (nados de 2005 a 2008) terán que darlle dúas voltas a ese trazado -2 Km.- antes de cruzar a meta.

Se todo vai sobre o previsto, a carreira absoluta dará comezo ás 20:00h. xuntando 83 participantes das categorías Veterán B -1972 e anos anteriores-, Veterán A -de 1982 a 1973- e Senior, onde se xuntarán participantes femininas e masculinos nacidos entre os anos 1983 e 2.004. Nese caso a distancia serán 6.700 metros, facendo un grande circuíto que discorrerá pola capital municipal e que chegará até a Casabranca por un lado e ata o lugar da Corveira polo outro. O trazado é case todo asfaltado, aínda que tamén haberá algúns tramos de terra e herba.

A carreira ten como finalidade promocionar o deporte e un estilo de vida saudable. Non haberá premios en metálico, pero si trofeos e queixo de Moeche para quen chegue antes á meta en cada categoría, agás nas probas das nenas e nenos máis pequeniños, que levarán todos cadansúa medalla.

A organización da VII Carreira popular Concello de Moeche conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Protección Civil, Lácteos Moeche, Supermercado O Cruce, Supermercado A Tendiña Moeche, A Tenda de Iria e a clínica de fisioterapia Fisioche-Ben, ademais da axuda de varias entidades veciñais.

Corte da circulación
O plan de tráfico sinala que a circulación estará cortada entre as 18:30 e as 21:30h. Haberá persoal voluntario en cada cruzamento, coa finalidade de facilitarlles o percorrido ás corredoras e corredores, pero tamén para evitar que poida entrar no circuíto algún vehículo despistado.

Os eixos afectados polos cortes son o interior do recinto feiral, Cristo do Rañal desde preto do campo de fútbol até a capela de San Ramón -tamén parte da estrada paralela-, os tramos máis próximos ao centro urbano da estrada da Feira e da Avenida 23 de Abril e o eixo que enlaza a Corveira coa estrada que baixa a San Xoán.

Desde o Concello prégase que se utilicen como estacionamentos as beiravías das rúas municipais que conectan coa estrada de Ortigueira -diante do CEIP San Ramón e a Avendida e 23 de abril- e, de chegar con tempo, tamén se poderá aproveitar para deixar o coche nunha das marxes de Cristo do Rañal. Recórdase que non se poderá aparcar dentro do recinto feiral de San Ramón.